- Autor/a: Anxo Muíños
- Ano de Publicación: 15-03-2026
Peruchela Edicións naceu en outubro de 2020, nun momento no que o mundo necesitaba máis que nunca refuxiarse nas historias. O proxecto xurdiu da iniciativa de Pilar Sánchez Martínez, que se achegou á Libraría Pelayo de Monforte coa intención de publicar os seus propios libros. Rocío Rodríguez, á fronte da libraría dende 2019, decidiu asumir o reto e investigar como poñer en marcha un proxecto editorial.
O que comezou coa publicación dun poemario e un conto foi medrando pouco a pouco. A experiencia permitiu descubrir que o traballo editorial se complementaba naturalmente coa actividade da libraría e que existía unha necesidade real: a de ofrecer ás persoas a posibilidade de publicar os seus propios libros, especialmente a aquelas que non coñecían os camiños para facelo.
Peruchela achega ás xentes da contorna a posibilidade real de publicar, tanto as súas memorias e historias de vida como as súas primeiras incursións na literatura. Poesía, narrativa, literatura infantil, ensaio, biografía e outros proxectos forman parte dun catálogo que foi medrando a partir das propostas dos propios autores e autoras.
A proximidade é unha das características fundamentais do proxecto. Cada libro require un proceso diferente e, por iso, o acompañamento pode ir desde a revisión e corrección do texto ata a maquetación, o deseño, a tradución e o desenvolvemento completo do proxecto editorial.
Peruchela conta cun pequeno equipo editorial desenvolve cada proxecto e que permite ofrecer aos autore@s o apoio necesario nas diferentes fases da edición. Un equipo de profesionais que medra e se adapta ás necesidades de cada obra.
Ao longo destes anos, Peruchela publicou tanto primeiras obras de autores e autoras que comezaban a súa andaina literaria como traballos de escritores con experiencia. Tamén puxo en marcha iniciativas propias, como o Certame de Relatos Manuscritos, nacido coa vontade de recuperar a escrita a man e, ao mesmo tempo, descubrir novas voces.
Hoxe, Peruchela Edicións continúa medrando desde Monforte de Lemos, vinculada á libraría e ao territorio, pero cunha mirada aberta a novos autores, xéneros, linguas e proxectos. Unha editorial independente que nace entre libros e para os libros, coa vontade de facer posible que cada historia, cada memoria e cada obra literaria poidan atopar o seu lugar nun libro.