
Peruchela Edicións é unha editorial independente con sede en Monforte de Lemos, nacida en outubro de 2020, nun contexto de pandemia que fixo máis necesario ca nunca o refuxio nas historias.
O proxecto xurdiu da demanda real de persoas da contorna que querían publicar os seus libros e non sabían como facelo. Desde entón, a editorial foi medrando e consolidándose, complementando a actividade da Libraría Pelayo e abrindo un camiño para que moitas voces puidesen chegar ao papel.
Peruchela achega ás xentes da contorna a posibilidade de publicar, tanto memorias e historias de vida como primeiras incursións na literatura. Poesía, narrativa, literatura infantil, ensaio, biografía e outros proxectos forman parte dun catálogo que medra a partir das propostas dos propios autores e autoras.
A proximidade é un dos sinais de identidade do proxecto. Cada libro require un proceso diferente e, por iso, o acompañamento pode ir desde a revisión e corrección do texto ata a maquetación, o deseño, a tradución e o desenvolvemento completo do proxecto editorial.
Peruchela conta cun pequeno equipo de profesionais que se adapta ás necesidades de cada obra e acompaña os autores nas diferentes fases da edición.
Ao longo destes anos, a editorial publicou tanto primeiras obras de autores e autoras que comezaban a súa andaina literaria como traballos de escritores con experiencia. Tamén puxo en marcha iniciativas propias, como o Certame de Relatos Manuscritos, nacido coa vontade de recuperar a escrita a man e descubrir novas voces.
Hoxe, Peruchela Edicións continúa medrando desde Monforte de Lemos, vinculada á libraría e ao territorio, pero cunha mirada aberta a novos autores, xéneros, linguas e proxectos.
Unha editorial pequena, pero cun catálogo que non deixa de medrar.
